Friday 17 de May de 2024

Biela e Chaveta e mailo Concello de San Sadurniño renovan o seu convenio de colaboración por outro ano


O presidente do club MTB Biela e Chaveta, Sergio Collado, e a titular da área de Deportes, Sabela Íñiguez, asinaron este mércores o convenio de colaboración entre as dúas entidades para este 2016. O acordo recolle o apoio técnico e loxístico do club ciclista local na organización de distintas actividades promocionais do deporte do pedal. O importe do acordo ascende a 1.000 euros, destinados a programar varias rutas e a colaborar en eventos organizados polo Concello. O máis inmediato será a marcha cicloturista deste domingo con saída de diante do CPI.

O convenio reflicte “un marco permanente de colaboración” entre o Concello e o club no que dunha banda o ente municipal contribúe “a afianzar o desenvolvemento dunha actividade con proxección de futuro” e da outra Biela e Chaveta “ofrece a súa experiencia e capacidade organizativa en toda actividade relativa á práctica desta actividade”.

O acordo suscrito co Concello -que durará ata decembro- leva aparellado o compromiso do clube de colaborar co departamento de Deportes prestándolle apoio técnico en eventos que se decidan levar adiante en relación co mundo da bicicleta. É o caso da ruta nocturna desenvolvida recentemente dentro dos Venres en Sansa ou da marcha que terá lugar este domingo.

Trátase dunha ruta de dificultade baixa apta para persoas maiores de 7 anos que percorrerá 13 quilómetros do territorio municipal. É nha actividade gratuíta que require inscrición previa, ben chamando á Casa da Cultura ou no propio punto de saída minutos antes do seu comezo. A cita é ás 11.00h. diante do CPI. Abonda con levar a bicicleta, casco e bebida para o camiño. Os nenos e nenas deberán ir na compaña dunha persoa adulta.

Ao remate da volta todas as persoas participantes recibirán unha camiseta de agasallo e, ademais, haberá un sorte de material para ciclismo.